O Concello de Ferrol organiza os vindeiros 20 e 21 de xuño as Xornadas de Debate VIVE A MAGDALENA, a celebrar no Centro Cultural Torrente Ballester e no Teatro Jofre , renovando as actividades relacionadas coa difusión do planeamento urbanístico local. A celebración destas Xornadas é oportuna, tras a recente aprobación definitiva do Plan Especial de Protección e Rehabilitación do Barrio da Magdalena. Trátase non só de presentar o plan urbanístico no contexto das políticas de recuperación e rehabilitación dos conxuntos históricos galegos e españois, tamén de impulsar nun marco axeitado a candidatura do conxunto territorial formado polos Arsenais, Estaleiros, o propio Barrio da Magdalena e as Defensas e os Castelos da ría de Ferrol como Patrimonio Mundial diante da UNESCO. Están convocados como relatores un destacado conxunto de profesores, urbanistas e xestores. Será ocasión para valorizar e reforzar os lazos de relación histórica e cultural entre diversas cidades históricas Patrimonio Mundial, como Évora, Santiago de Cuba e Santiago de Compostela. Tamén será oportuno relacionar a defensa e protección dos patrimonios arquitectónicos coa máis ampla problemática da recuperación funcional dos centros urbanos.

Prof. arquitecto Juan Luis Dalda. Director Académico das Xornadas.